Investigadora, creadora e xestora cultural, centra o seu traballo nas artes escénicas e na creación contemporánea, especialmente no estudo da danza e na análise de políticas culturais. 

Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, Máster en Xestión Cultural pola Universidad Carlos III de Madrid e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidad de Castilla La Mancha e o Museo Reina Sofía. Comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais en 2008 en Madrid, en institucións como a Residencia de Estudiantes (2008-2010), na que coordinou o programa do seu Centenario, ou a empresa i con i  (2011-2015), na que dirixiu o Festival Internacional Ilustratour. 

Fórmase en danza e artes do movemento e en 2016 estrea a performance O público está aquí, presentada en diferentes museos e salas en Madrid, Cidade de México, Montevideo, A Coruña e Ourense, e publicada posteriormente como libro pola editora Estraperlo (2019). Desde 2016 vive e traballa en Galicia, onde colabora de forma estable co coreógrafo Javier Martín. No 2018 pon en marcha “De corpos presentes”, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. É Vicepresidenta da asociación Emprendo Danza e co-responsable do programa de mediación en danza e artes vivas “Cara a unha escena plural” xunto con Caterina Varela, con quen comparte tamén a coordinación do “Taller de público(s)” no Teatro Rosalía Castro da Coruña. 

Como profesional independente ten traballado tamén como curadora, asesora ou produtora para Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Consultarte, Colectivo RPM, Proxecta-Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, ou o festival Curtocircuíto, entre outras. 

Os seus traballos vinculan xeralmente a danza, a crítica, a literalidade como mecanismo para a acción política e a escritura poética. Na súa creación máis recente, Dedicatoria, colaborou coa poeta Nieves Neira para a realización dunha performance de longa duración, presentada a finais do 2020 no centro Ágora, A Coruña. Escribe sobre danza en diversas publicacións e no seu blogue acuerpodebaile.com, é membro do Consello de Redacción da erregueté e colaboradora do Diario Cultural da Radio Galega.